Thursday 02 de May de 2024

Santiago Freire presenta unha candidatura que “acredita unha boa xestión con feitos, non só con palabras”


Máis de 400 veciños e veciñas encheron o Coliseo Noela na presentación oficial da candidatura do PP de Noia ás eleccións do 26 de maio

O Coliseo Noela quedou pequeno para acoller a presentación da candidatura do Partido Popular de Noia ás vindeiras eleccións municipais. Unha candidatura liderada polo actual alcalde, Santiago Freire Abeijón, “o mellor candidato de todos os que se presentan e o único coa experiencia necesaria para seguir xestionando os proxectos que melloran o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Noia”, apuntou a número 3 da lista, Laura Salgado García, quen actuou como mestra de cerimonias.

Freire Abeijón puxo en valor o traballo realizado nos últimos tres anos: “non foi un mandato completo e, en moitos aspectos, dispoñer dese ano menos ten consecuencias á hora da xestión xa que moitos dos proxectos que puxemos en marcha estarían hoxe en día materializados ou facéndose se tiveramos a oportunidade de ter catro anos completos”. Neste sentido, puxo como exemplo grandes proxectos que se están executando nestes momentos como a construción do novo Museo do Mar, as beirarrúas de San Bernardo ou a reordenación ambiental do Testal.

Unhas actuacións recollidas nunha publicación de 48 páxinas que os populares repartiron entre as máis de 400 persoas que os arrouparon na súa presentación. Unha publicación que “acredita a boa xestión feita este mandato con feitos, non só con palabras”, explicou Santiago Freire, quen incidiu en que “hai que trasladar todo o traballo que fixemos e que a xente sexa conscientes de que moitas cousas non estaban ata que os populares chegamos ao Goberno”. Así, puxo un exemplo: “hai quen me dixo que o retranqueo do muro do Marqués xa estaba feito antes de chegar nós, cando o convenio con Manuel Varela firmeino eu”.

Por iso, Freire Abeijón considera que “hai un traballo feito que, en condicións normais, nos debería permitir renovar a confianza dos veciños e veciñas de Noia e nos someteremos á súa vontade o próximo 26 de maio coa cabeza ben alta e a seguridade de que fixemos un traballo responsable e que non temos nada que agochar”.

Traballo realizado

Os tres candidatos que precederon a Freire no uso da palabra tamén insistiron en poñer en valor o traballo realizado nos últimos tres anos. Mariola López, Laura Salgado e Julio Bustelo foron os encargados de facer un repaso polas distintas actuacións realizadas e xestionadas polo actual Goberno de Noia, contrapoñendo os avances realizados coa parálise vivida durante o desgoberno socialista.

Freire agradeceu tamén o traballo de todos os concelleiros e concelleiras que traballaron esta lexislatura en Noia e non repiten nas listas do vindeiro 26 de maio e puxo en valor a seriedade, rigor, implicación e compromiso de todas as persoas que integran a candidatura popular.

Á presentación dos populares noieses acudiron a alcaldesa e candidata do PP de Lousame, Teresa Villaverde; e o alcalde e candidato do PP de Ribeira, Manuel Ruíz; os ex alcaldes noieses Antonio Pérez Insua e Mari Carmen Abeijón, así como como concelleiros/as de municipios próximos.